O que non sabías, de Elba Pedrosa

O que non sabíasElba Pedrosa

O que non sabías

Xerais, Vigo, 160 páxinas, 16,35 €

 

A incorporación dunha nova voz, neste caso a de Elba Pedrosa, consultora e formadora en creatividade e oratoria, á narrativa en galego témolo que considerar como unha óptima noticia. O que non sabías, título desta que é, tamén, a súa primeira novela remítenos a unha proposta onde latexan unha serie de segredos cultivados nun contorno familiar aos que chegamos grazas ao relato evocativo do pasado ao que se encerra, e desvela, mercé á utilización do recurso epistolar que nos sitúa noutro espazo como é o da Arxentina e, loxicamente, o da emigración.
Pedrosa, nun xogo efectivo de voces, convídanos a ser partícipes dunha historia que se inicia na infancia e adolescencia dun protagonista que se abre ao mundo, onde cobran especial relevancia aspectos vinculados coa súa formación e coa aprendizaxe da vida: proceso no que será consciente dos muros que constitúen as diferenzas sociais, das presións tanxibles dun tempo abafante e, sobre todo, dese terror modulado nos silencios e nos misterios ocultos á mantenta, transmitidos de xeración en xeración coma se constituísen un pacto inmarcescible.
Amores truncados, fracasos, experiencias ingratas, esculcas nas identidades persoais -como as de Marisa, un dos esteos do libro- abrollan neste libro aquí e acolá, mais tamén esperanzas como, por exemplo, as que se depositan no na liberación que supón coñecer a verdade ou, ás veces, nunha pequena libraría que é a metáfora, neste caso, da liberdade persoal e do valor da cultura.
Elba Pedrosa abraza con entusiasmo unha fe que é a de contar historias desde as instancias do interior de cada personaxe, abordado na esfera daquilo máis íntimo e singular de cada un deles. Faino con pulso propio e coido que repara con efectividade no deseño das atmosferas domésticas, tamén no simbolismo que encerran os obxectos, na forza das olladas e nos silencios, no que non se di: esa gran metáfora da novela.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 22 de maio de 2020.