Berta Dávila e Pablo Prado
O derradeiro libro de Emma Olsen
Galaxia, Vigo, 88 páxinas, 19,50 €, 2020
Probablemente Emma Olsen non marchou nunca, cando menos da memoria das persoas que puidemos ler O derradeiro libro de Emma Olsen: unha novela da escritora compostelá Berta Dávila que resultara galardoada non 2013 co Premio Narrativa Breve Repsol e co Ánxel Casal ao mellor libro de ficción.
E non marchou porque a proposta segue tan intensa e suxestiva como o primeiro día: algo que testemuña a oportunidade desta versión para banda deseñada, que conta cun traballo brillante do ilustrador e adaptador Pablo Prado.
Dise na contracuberta da edición que esta é unha novela nova e que “sendo a mesma, é radicalmente diferente”e talvez sexa unha afirmación moi acertada. Na historia que ideara Dávila o peso do metaliterario era evidente na formulación dun xogo complexo a abalar entre ficción e memorialismo, sempre baixo o servizo de que a escritora Emma Olsen rendese contas da súa biografía máis íntima e tamén literaria. Neste sentido a solución escollida polo ilustrador, a xeito de pequenos excursos ou microhistorias que facilitan seguir o fío argumental da historia, paréceme un verdadeiro acerto.
Sostense, e se cadra medra, nesta versión aquela vontade inherente ao orixinal narrativo que era a de “baleirar o vaso da conciencia” e vertíanse as historias coma se adoptasen a aparencia da foz dun río onde se mesturaban o amor, os afectos, a familia, as deslealdades ou a propia morte. Tras ler esta novela gráfica a lectura provoca un efecto diferente pois é posible que non poidamos afastar xa do noso imaxinario nin a reconstrución que se fai desa vila perdida do medio oeste norteamericano chamada Faith nin os seus resignados habitantes. Mais tamén adquiren novos matices a música e a literatura que percorren o libro, e quen o dubida respecto deses personaxes singulares e sólidos como son os da propia Emma, de Clarissa ou Bill por só citar algúns. Convido, vivamente, a coñecelos.
Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 29 de maio de 2020.