Cadencias, de Manuel Portas

Cuberta CadenciasManuel Portas

Cadencias

Xerais, Vigo, 120 páxinas, 16 €, 2020

 

Manuel Portas percorreu nunha década un camiño infrecuente: sete novelas publicadas desde o ano 2010, con esta que hoxe traemos ao Fugas titulada Cadencias. A súa incorporación á narrativa galega asentouse cun estilo propio singularizado gobernado por un extremo coidado depositado no discurso narrativo e polo desenvolvemento de tramas que, sen seren nunca idénticas porque tamén viaxan a outras épocas, transitan por asuntos que sempre ocuparon, e dalgún xeito definen, a condición humana: as súas relacións, os afectos, a soidade, a incomunicación…, e tamén, claro é, o amor e a morte.

Cadencias déixase dominar, talvez, por un matiz particular como é o de someter axilmente as estratexias narrativas a un impulso claramente esencializador para situalas nun espazo temático que é o do amor, se cadra ao mesmo tempo o desamor. Velaí un universo conformado polas relacións sentimentais e articulado nun territorio onde transitan as tensións xeradas nun triángulo amoroso como espellaran no seu día obras de Rivas, Casares, Ramón Loureiro ou Elena Gallego, por exemplo. Mais a particularidade desta proposta é que o conflito se articula nunha cidade como é Barcelona e onde, por extensión, agroma a valoración ética das consecuencias que abrazan as decisións persoais, percorrendo, cando cómpre, os camiños do medo, a soidade ou a dependencia. Será, asemade, no personaxe masculino onde recaia o foco principal da trama: alguén construído polas súas propias dúbidas, pola súa covardía e as indefinicións continuas, definido polas súas contradicións e tamén polo que non fai, mancando sempre as mulleres que di querer.

Paira na novela unha atmosfera íntima, de interiores se se quere, que cede a relevancia á pulsión dos sentimentos, acordoados cada vez máis intensamente entre si e sempre dotados de vernices distintos. Portas semella preguntarse se tres son multitude. Descubran a resposta.

 

Este texto publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 5 de xuño de 2020.