Pandemia! A covid-19 sacode o mundo, de Slavoj Žižek

Cuberta Pandemia, ZizekSlavoj Žižek

Pandemia! A covid-19 sacode o mundo (tradución de Carlos Aymerich)

Galaxia, Vigo, 100 pp, 9.90 €, 2020.

 

O sociólogo, psicanalista  e teórico cultural Slavoj Žižek, que se describe nestas páxinas como un “desacomplexado filósofo da subxectividade”, conta con grandes detractores e tamén con defensores sen concesións. Sexa como for, cómpre saudar a chegada, nunha tradución a cargo de Carlos Aymerich, deste Pandemia! A covid-19 sacode o mundo, basicamente porque incita ao debate ao pór enriba da mesa unha serie de cuestións de actualidade que, nalgún momento e inevitablemente,  asaltan as nosas vidas.

Neste libro agroma, unha vez máis, unha característica frecuente nos ensaios de Žižek como esa articulación singular na que conflúen vernices da psicanálise de inspiración lacaniana, relatos de filiación popular ou estritamente literaria cunha palpable intención didáctica e unha sorte de posmarxismo a carón de referencias a multitude de películas e series televisivas, sen abandonar nunca un diálogo continuo, por veces para convir e outras para disentir, con voces diversas e polo xeral críticas extraídas do pensamento contemporáneo como son Byung-Chul Han ou Giorgio Agamben, entre outros.

O filósofo esloveno formula, así pois, unha revisión dos efectos da crise da covid-19 coa vontade de darlle forma á crenza persoal de que a saída á situación actual repousaría no que el denomina, dun xeito un tanto difuso, “algunha forma de comunismo”, apelando á solidariedade e á posta en marcha dun impulso de carácter global que activaría un cambio radical e necesario en moitos aspectos. Para este obxectivo articula unha análise que percorre, cando menos, tres esteos como son a economía, a política e as liberdades reparando nunha serie de asuntos que van desde o que entende por unha nova forma de amor, pasando polos cambios que a aparición do virus supuxeron para o individuo en tanto ser social ou polas restricións operadas nas liberdades persoais ata esas tres tormentas que, ao seu parecer, ameazan Europa como son o golpe directo do coronavirus nas persoas, os efectos económicos que arrastra e o que denomina virus Putogan, que engloba a política que representan as figuras de Erdogan e Putin.

Un libro, en fin, cruzado por un espírito dialéctico e cheo de preguntas que conclúe inquiríndose pola forma social que substituirá á actual: un debate aberto.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 12 de xuño de 2020.