Meigas fóra!, de Ramón D. Veiga

XG00307201Ramón D. Veiga

Meigas fóra! (ilustracións de Iván R.)

Xerais, Vigo, 64 páxinas, 11,20 €, 2020

 

Achégase a noite de San Xoán e as circunstancias non permitirán que de desenvolva con normalidade unha das celebracións máis populares entre as marcadas no calendario anual e que, particularmente, son das que máis me gustan.

E malia que a sardiña esa noite non vaia mollar o pan como era adoito nin as cacharelas vaian asoñerarse do país si que poderemos gozar cunha historia, dirixida en primeira instancia a lectores e lectoras novas, como é Meigas fóra!, subscrita por Ramón D. Veiga e que conta cunha acaída, e atractiva, lectura visual a cargo de Iván R.: un volume inserido nese proxecto de enfiar historias que teñen como fondo as festas cíclicas galegas.

Meigas fóra!, así pois, con grandes doses de ironía, desenvolve un argumento que ten como pano de fondo a noite de San Xoán, pero que recrea asemade outros asuntos que afondan nas consecuencias das rivalidades e localismos exarcerbados, representados polos gobernantes de dúas vilas -Beira e Leira- a exerceren sempre o poder guiados por intereses espúreos e absurdos que conducen, finalmente, ás poboacións que lideran á desfeita, sen esquecer inserir cómplices incursións que apelan ao fantástico e ao máxico. Mais é aí, na reacción das persoas que poboan orixinariamente eses dous lugares, onde se ergue unha lectura final esperanzada na cal o lume purificador acada unha dimensión simbólica que convido a coñecer coa seguridade de que non ha defraudar.