Instrumental, de James Rhodes

CUB_Instrumental_webJames Rhodes

Instrumental (tradución de Eva Almazán)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 280 páxinas, 19,90 €

 

Desacouga ás veces, arrepía outras, divirte en ocasións e ten esa infrecuente capacidade de formar e informar a un tempo este Instrumental de James Rhodes, traído para o galego con excelencia por Eva Almazán.

É inescusable citar, en primeiro lugar, a transparencia que encerra o relato descarnado que sitúa en primeiro plano as vivencias e as consecuencias das violacións ás que foi sometido na súa infancia, iso que el chama con acerto “o Everest do trauma”. Velaí como, para darlle forma, abraza un discurso directo, se se quer desenfadado e coloquial por veces, mediante o que sen concesións se ispe sen rubor. Talvez esta fose a única maneira de facelo pois a súa voz rescata episodios dolorosos do pasado, sen nunca conseguir ser inmune a eles, e permite que visualicemos ese ente “lordento e limoso” que lle sobe ás veces pola caluga arriba, esa vibración silandeira dun posible colapso ao que se asoma, un día tras outro, quen vive á beira dun cavorco. E cando Rhodes fala do que viviu faino de xeito diáfano sen aplicar filtros adozantes para que desta maneira entendamos os dous alicerces que sosteñen o libro: a busca constante da paz mental e como deu con ese “nirvana particularísimo” que é a música clásica e, en concreto, a Chacona en re menor de Johann Sebastian Bach que lle salvou a vida.

Recomendo coñecer este rodopío de vida, tantas veces abalando entre a autodestrución e o autoodio, de mans dadas con excursos que son pequenas biografías dos autores de música clásica máis amados por el e onde non esqueceu construír un epítome dos males que afectan a esta música hoxe. Nun momento do libro dise que a educación musical é un dereito, non un dispendio, e eu non podo estar máis de acordo. Ah, e acompañen a lectura destes capítulos coas pezas que Rhodes recomenda en Spotify: un exercicio fantástico que anima  a ter a música clásica máis presente na vida cotiá.

 

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 19 de xuño de 2020.