Esquizoide, de Antón Patiño

EsquizoideAntón Patiño

Esquizoide

Elvira-Fosfatina, Vigo, 64 páxinas, 22 €, 2020

 

A recuperación do cómic Esquizoide, de Antón Patiño, supón unha magnífica noticia para moitas persoas que descoñeciamos ou qye simplemente sabiamos da súa existencia pois era unha publicación de imposible acceso hoxe en día. O orixinal desta edición facsímile vira a luz no ano 1978, en Vigo, impulsada polo Colectivo da Imaxe: un grupo interdisciplinar composto polo autor desta peza, acompañado de Carlos Berride, Menchu Lamas e Jorge Agra.

É este un texto de referencia que se sitúa, dentro da tradición da banda deseñada galega, como unha publicación de transición que vai desde os exemplos fornecidos por Reimundo Patiño ata as publicacións máis recentes, ao que o propio autor engade influencias asumidas naquela altura do sudamericano Moscoso ou do grupo francés Bazooka.

Cómpre ter en consideración a data na que apareceu esta obra que axuda, talvez, a entender algunhas cuestións dunha proposta subversiva e creativa allea aos canons convencionais onde salienta o afán de experimentación presente en moitas ordes, configurándose así un proceso de recepción esixente simbolizado nesa incapacidade de expresión do protagonista, que intenta falar e non pode ou que, cando fala, resulta inintelixible. Velaí como se desbordan os propios límites visuais da viñeta para contaxiarnos esa violencia implícita que cimbra todas as páxinas deste cómic, reconstruíndo capítulos da loita contra a ditadura que se proxecta no estado mental do anónimo personaxe central sometido a un férreo amordazamento e a un proceso que rompe anacos de memoria, palpable na súa propia desfiguración que parece derivarse de experiencias punitivas ao que foi sometido.

É unha realidade que abraza este cómic o pouso radicado no desacougo, a indiscutible tonalidade críptica e chea de turbación que camiña polos eidos da confusión, o caos e un balbordo continuo. En suma, unha proposta que agora cobra nova vida nunha edición moi recomendable.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” das páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 17 de xullo de 2020,