Plasticus maritimus. Unha especie invasora, de Ana Pêgo e Isabel Minhós

CapaKLK.inddAna Pêgo e Isabel Minhós

Plasticus maritimus. Unha especie invasora

Kalandraka, 176 pp., 18 €, Pontevedra, 2020

 

Non é de estrañar que Plasticus maritimus fose saudado, na súa edición orixinal en portugués publicada hai un par de anos, con diversos galardóns como foron o Premio BD Amadora ao mellor deseño ou unha Mención Honorífica na Feira do Libro de Bolonia en 2020.

Plasticus maritimus, unha especie invasora, da bióloga Ana Pêgo, conta coa colaboración de Isabel Minhós, ilustracións de Bernardo Carvalho e cunha versión en galego a cargo de Celia Recarey. É este un libro que se concibe como unha sorte de atractivo e útil caderno de campo ideado para informar, sensibilizar, educar e actuar diante dunha realidade comprobable como é a destrución do eco-sistema mariño por mor da presenza de plásticos e outros refugallos que contaminan os nosos océanos. Velaí, así pois, esta nova especie de carácter invasor, cuxa existencia e descrición se integra como parte substancial dun texto accesible para calquera persoa sen límites de idade e onde se mestura un discurso directo con imaxes, ilustracións e datos de filiación científica.

Pêgo apela á relevancia da concienciación e da motivación para loitar contra esta “especie” que adopta tantas formas  e que se espella simbolicamente nesa imaxe desacougante que sería a dun camión a baleirarse nos mares cada minuto. Noutro sentido, o libro alértanos sobre o medre imparable das denominadas cinco illas de plástico e como afecta isto tanto ao envelenamento de moitas especies marítimas como ás cadeas tróficas. Ademais do valor descritivo, científico e informativo que este volume encerra de seu hai outros méritos nel que apuntan á importancia que os pequenos xestos poden ter para salvagardar o futuro e avoga, en esencia, por un cambio de mentalidade inspirado nos sete erres -repensar, rexeitar, reducir, reparar, reutilizar, reciclar e revolucionar- para minorizar o excesivo, e tantas veces innecesario, consumo de plásticos. Xogámonos moito.

Este texto publicouse na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 4 de xullo de 2020.