Os toliños mariñeiros da Costa da Morte, de Bernardino Graña

Os toliños..., Bernardino GrañaBernardino Graña

Os toliños mariñeiros da Costa da Morte

Medulia, A Coruña, 70 páxinas, 15 €, 2020.

 

Hai pouco tempo ocupaban esta sección unhas pezas dramáticas de Bernardino Graña, rescatadas pola editorial Galaxia como eran Lobísimo do saco. Tres titiritadas (2019). Ao fío deste ronsel que, nos últimos anos, recupera libros dispersos ou, como é o caso, inéditos do autor cangués, cómpre referirnos a esta peza narrativa que se publica nestes días con excelencia polo selo coruñés Medulia aixo o título de Os toliños mariñeiros da Costa da Morte.

É ben probable que, sen o concurso do profesor Alexandre Ripoll, esta publicación nunca chegaría ás nosas mans, nin tampouco o faría coas garantías necesarias en canto ao rigor, respecto e minuciosidade depositada no tratamento textual  desta proposta que nos sitúa nunha sorte de narrativa na que se dan as mans recursos como a etopea e as técnicas narrativas clásicas do conto popular.

Estas historias, protagonizadas por Maxi e Boni -na realidade un xastre e un zapateiro que non son quen de dar, nunca, as costas ao mar- enguedéllanse unhas noutras como cereixas que se tiran amodo dun queipo e reivindican, ao tempo, un espazo concreto como é a Costa da Morte, ou da Vida como o autor sinala. Asemade, conflúen aquí por fortuna tres marcas perennes do autor: a máis que salientable e modélica riqueza léxica e fraseolóxica,  o dominio exemplar do recurso á oralidade e esa inequívoca tendencia á teatralidade no rodopío de malentendidos e situacións fortuítas que, en tantas ocasións, conducen a ese humor surrealista tan caro ao autor. Non quixera esquecer, tampouco, o pouso, se se quere de carácter antropolóxico que se apalpa no libro ao circularen aquí e acolá multitude de sucedidos máis ou menos verídicos -moitos deles marcados polas desgrazas e os naufraxios- que espellan as dificultades para vivir nun tempo escuro, onde asexaban a fame e a necesidade; un tempo tantas veces marcado pola miseria moral. Sempre o mar, sempre Bernardino.

 

Este texto publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 24 de xullo de 2020.