Dendrita, de Paula Luís

Paula-Luis-DendritaPaula Luís

Dendrita

Chan da Pólvora, Santiago, 72 páxinas, 17 €, 2020

 

 

Están a agromar excelentes libros de poesía nestes últimos meses. Non teño dúbida que, pola súa innovación e pola súa singularidade, nese ronsel cumpriría incorporar, entre outros, este que é o primeiro de Paula Luís titulado Dendrita e publicado por Chan da Pólvora.

As dendritas son proxeccións ramificadas que saen das neuronas e conducen os impulsos electroquímicos recibidos doutras neuronas; tamén en minaría remiten ao cristal que, por solidificación, medra en forma de árbore. Teño para min que ambos os dous campos semánticos poden ser válidos á hora de orientarse e adentrarse, desde o título suxerido, neste libro de poemas. O primeiro fai referencia a unha das afeccións da autora como é a neuroloxía; o segundo afonda no territorio das formas e vivencias da natureza que, baixo terra -léase tamén por baixo do poema-, podemos atopar neste libro.

Pululan as obsesións nestas páxinas: alén das palabras que comezan por “A” (Abecedario ou Arañeira: “tecido da mente”), dos límites xeométricos ou da pulsión que arrasta á outredade, moitas teñen que ver co feito de inquirirse, con recorrencia, polas relacións que se dan entre dous elementos como son os mecanismos cos que funciona a mente e a propia palabra poética, isto é, a súa tensión interna e correlativa. Percorren e deseñan igualmente estas composicións dous focos de interese como son o cuestionamento coherente do eu e dos seus propios límites e, por outro lado, esa inquebrantable fe en adoptar ou asimilar as voces que simbolizan os obxectos de interese reflectidos: o eu, a natureza e o propio pensamento.

Un libro realmente insólito e intenso. Nel  sobrancea, asemade, un pouso reflexivo, vagoroso e case kármico onde se cuestiona todo acobillándose baixo o rexistro propio dos aforismos ao diario confesional pasando por fragmentos de forte narratividade, constituíndo así unha achega realmente salientable e, sen dúbida, afortunada. Despido estas palabras que só queren saudar un libro merecente de aplauso cuns versos que  pasan a ser parte dunha posible escolma particular: “O poema non será máis que un campo de centeo / a falarnos. A semente cae. Non pensa na caída”.