Andrea Fernández Maneiro
Migratoria
Medulia, A Coruña, 56 páxinas, 11,86 €, 2020
Desprende, este primeiro libro da escritora vilagarciá Andrea Fernández Maneiro, un recendo que convida á reapropiación da memoria desde o primeiro poema. Un exercicio de evocación, pausado e maduro, marcado pola percepción das ausencias desde a etapa da infancia e que se converte, ao mesmo tempo, nunha radiografía dun tempo que, de certo, resultará compartido e familiar en tantas vivencias e percepcións nas lecturas que se fagan del.
Migratoria, prologado con lucidez e acerto por María Xosé Porteiro, é un libro de forte narratividade onde semella que as experiencias concretas do pasado cobran relevancia e latexan de novo para xerar unidades ou composicións onde os obxectos e as atmosferas, mais tamén outras presenzas como son os animais ou as persoas, conflúen na reconstrución dun tempo de cociñas de ferro e ladrillos vista, onde asoma sen que ninguén as chame a tristeza, a frustración e a soidade; tamén o abandono e as incertezas derivadas da realidade migratoria dun pai e dunha nai que obriga á voz lírica a sentirse distinta e, talvez o que resulta máis doloroso, a ser parte dun movemento cíclico que testemuña como todo se volve vivir acedamente.
Beirean en Migratoria estremas diáfanas que baten co sentimento de orfandade e de fractura ao deseñar os sucos dunha vida; tamén as cicatrices que deixa o paso do tempo nunha vida coa perenne imaxe de ter “a equipaxe na porta” e da constación desas ausencias que semellan vivir “no xenoma da familia”. Un ubi sunt? talvez, recorrente e honesto; persoal e, ao tempo, dono dunha proxección colectiva que apunta á resistencia como modo de esperanza.