A nena que abrazaba as árbores, de Henrique Alvarellos e O meu avó e o queixo, de María Reimóndez

 

Hai algunhas datas Alvarellos puxo en circulación dous álbums ilustrados que suscitaron a miña atención. O primeiro, titulado A nena que abrazaba as árbores desenvolve unha historia subscrita por Henrique Alvarellos e ilustrada por Xulia Nieto Pereira.  O argumento protagonízao Lucía, que recibe un galano no seu terceiro aniversario consistente nunha árbore, concretamente un freixo que habita un bosque próximo á casa na que vive cos seus pais. A relación que mantén coa árbore é intensa e con Álex, un amigo invidente, avanzarán en experiencias de amizade coa natureza ao seu redor e os seus percorridos cíclicos habituais.  A historia desenvolta axuda, quen o dubida, a espertar a curiosidade polo medio natural coa idea central do abrazo a unha árbore que no Xapón se converteu, desde hai anos, nunha terapia chamada shirin-yoku.

Por outra parte, O meu avó e o queixo, de María Reimóndez con ilustracións da artista gráfica Vanesa Álvarez, interesoume tanto pola inequívoca orixinalidade no tratamento visual que xoga con personaxes reais aos que se lles dota dun tratamento estético propio de arte urbana e moi dinámico, como pola historia da escritora lucense onde se establece, ou case diría que homenaxea, ese nexo que latexa entre un avó e a súa neta, alicerzado nos afectos e, ao tempo, na común atracción cara ao queixo ou os queixos construíndo unha orixinal peza de xinea familiar arroupada, ao mesmo tempo, con moitas doses de humor.