Ardora, de Beatriz Maceda Abeleira

Ardora, B. Maceda AbeleiraBeatriz Maceda Abeleira

Ardora (ilustracións de Laura Veleiro)

Urco, Santiago, 131 páxinas, 13 €, 2020

 

Nereida, protagonista de Ardora, novela da escritora coruñesa Beatriz Maceda Abeleira que conta con afortunadas ilustracións de Laura Veleiro e que foi gañadora do II Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil organizado polo concello de Pontevedra e Urco Editora, di que hai mensaxes nos sons das baleas que ela non pode comprender, malia intentalo, porque aquelas son dalgún xeito como “a memoria da nosa existencia neste planeta”. Velaí  unha das claves desta proposta na que non faltan os mecanismos e dinámicas propias da narrativa de xinea xuvenil e de aprendizaxe na cal, tras un desafortunado achado nunha praia da Costa da Morte, as protagonistas vivirán un verán diferente que fai que se apodere da novela un ton reflexivo sobre a realidade dos océanos, sobre as especies que viven nela e dela e sobre o que podemos e debemos facer para respectalos.

Mais non é este o único foco temático, o do ecoloxismo, o que percorre a novela malia suxerirse como o máis relevante. En Ardora deséñanse, ademais, realidades pouco tratadas literariamente como son a existencia de contornas familiares non convencionais, con personaxes que non se senten diferentes senón, sinxelamente, queridas. Ao tempo, hai unha inequívoca vontade de transmitir o respecto tanto polas linguas como polas persoas aínda que pensen diferente e non son menores outras liñas temáticas tamén presentes aquí  como a importancia da lectura na formación persoal ou, mesmo, o uso responsable das novas tecnoloxías; alén da relevancia que se lle outorga tanto ao traballo feito en colaboración como aos propios afectos.

A ardora, esa fosforescencia nas augas mariñas que a tantas persoas parece máxica, transfórmase aquí, en maiúsculas, nunha historia que prende e ilumina emocional e literariamente. Non albergo dúbidas de que esta peza moito gustaría á escritora que bautiza co seu nome o galardón que Ardora recibiu.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas (La Voz de Galicia), o 31 de xullo de 2020.

 

2 Comments

  1. Ola, a túa recensión fai que inclúa esta lectura na miña interminable lista de libros en galego por leer. Parece unha novela máxica que haberá que ler. Saúdos

Os comentarios están pechados.