Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda
Sobre a lingua galega de Rosalía de Castro
Galaxia, Vigo, 166 páxinas, 20 €
Contaba Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda con vinte e cinco anos e, en decembro de 1986, leu unha memoria de licenciatura na Universidade de Santiago baixo o título de Sobre a lingua galega de Rosalía de Castro valorada coa máxima cualificación e que, afortunadamente, hoxe podemos ter entre as mans nunha edición facsimilar editada por Galaxia acompañada por un prólogo e un limiar dos académicos Antón Santamarina e Xesús Alonso Montero.
A primeira sensación que un obtén ao achegarse a este concienciudo e rigoroso traballo de investigación é a precocidade e madurez da súa autora, tamén a súa capacidade extraordinaria de traballo, ao enfrontarse, academicamente, a unha temática substantiva para calquera afeccionado á literatura galega como é a lingua rosaliana: un traballo que “non foi superado por ningún estudo superior” como sinala Antón Santamarina e de “lectura obrigatoria para quen queira explicar os usos lingüísticos daquela pioneira da escrita en galego, daquel nome fundacional” como sinala o profesor Alonso Montero, a quen lle dedicara este traballo tal e como consta na reprodución facsimilar.
En efecto: as características de prudencia, cautela, rigor científico e minuciosidade analítica son só algunhas das cualificacións, sen esquecer esa transparente paixón depositada no seu traballo filolóxico de esculca e interpretación, que se deben asociar a este traballo inédito e felizmente publicado para persoas interesadas na lingua rosaliana e non só. Non dubido que se trata dun sentido e útil recoñecemento á figura da investigadora e filóloga viguesa que tanto nos axudou a entender mellor a Rosalía de Castro e a outras voces da literatura galega. Beizón.