Marcos Viso
O meu baleiro
Hércules de Ediciones, 40 páxinas, 13,50 €, 2020
Gustoume o álbum ilustrado que subscribe Marcos Viso e que lin hai xa algún tempo. Todo el, paréceme, está rexido por unha aparente sinxeleza resultado sen sen dúbida dun intenso e pousado proceso de estilización, discursivo e artístico.
Probablemente sexa este un álbum destinado a un lectorado inicial mais tamén resulta indiscutible que acada, pola súa propia natureza, perfecta e acaída utilidade para calquera persoa.
Nel desenvólvese unha idea central, ao meu ver, como é a dificultade de xestionar o baleiro que deixa tras de si ese oco cheo de ausencias e perdas. O protagonista, un neno mais talvez non, escorrenta o que significa a amizade, espanta a compañía e o valor que esta pode ofrecer ou a propia serenidade para finalmente recoñecer que aceptar a axuda é algo que nos fai sentir humanos e que aceptar aquel baleiro como tal é o que posibilita que sexa transformado noutra cousa que se poida ollar con acougo e esperanza.