Desde a publicación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro no ano 2012 o certo é que nunca o autor celanovés deixou de acompañarme, dun ou doutro xeito, a través de colaboracións puntuais e outros proxectos vinculados coa Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Hai escasas datas recibín os primeiros exemplares dun libro publicado baixo o título de Chorimas para Celso Emilio Ferreiro. Un memorial: 1979-2019 que se incorporará máis adiante ao fondo de publicacións do Parlamento de Galicia. Xustamente foi nun acto celebrado a finais do 2019 no propio Parlamento onde naceu, a instancias do interese do que o presidente da institución, Miguel Santalices, verbalizou en canto ao apoio a un proxecto literario que abrazase a memoria de Celso Emilio. Este Chorimas ve a luz, finalmente, nunha coedición promovida entre o Parlamento de Galicia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, grazas tamén ao interese que depositou no proxecto Valentín García. A edición e produción correu a cargo de Edicións Xerais e singularmente quero salientar o apoio do director da mesma, Fran Alonso, e o traballo, excelente traballo, do editor Ramón D. Veiga.
O libro, que conta cunha afortunada e orixinal cuberta de Andrés Meixide, xoga co icónico perfil de Celso Emilio Ferreiro onde o pescozo dun abrigo é agora unha póla de chorimas: esas flores bravas e libres do toxo que sempre foron as que máis lle gustaban. A acepción de memorial que consta no subtítulo apunta á recolla, sistematización e comentario daqueles acontecementos, homenaxes, textos literarios -algúns inéditos- ou publicacións que rodearon a memoria do poeta desde o ano do seu falecemento ata o seu corenta cabodano nun sentido xeral.
Quero agradecer por aquí a todas as persoas que tiveron algo que ver en que unha idea que acariñaba hai tempo tomase forma, sen esquecer a colaboración desinteresada e sempre xenerosa do clan Ferreiro que prestou a este proxecto. Grazas sempre Luís , Xavier e Isabel.