Antonio Piñeiro
Celada
Xerais, Vigo, 104 páxinas, 17 €, 2020
Galardoada na sétima edición do Premio de Novela Curta “Cidade Centenaria de Ribeira”, Celada, do escritor Antonio Piñeiro, é unha nova aposta pola recreación da memoria, como nos afixo o autor nas súas últimas, e afortunadas, entregas.
Neste caso abeirámonos a un tempo e unha situación moi concretas e escasamente tratadas literariamente: o Santiago de Compostela dos comezos do anos setenta da man dunha serie de estudantes comprometidos en plenos estertores da ditadura. Todos eles siareiros do bar Cerdeiriña, que tamén é frecuentado por Alaín, un inspector con ansias de ascender sexa como for e responsable das esculcas para descubrir quen está detrás das reivindicacións estudantís e da célula dunha imprecisa organización política.
É relevante na novela a transmisión da atmosfera de medo, espanto, persecución e violencia. Tamén resulta moi meritorio, case engadiría que esencial, o traballado exercicio de ambientación, filtrado sempre naquilo que resulta máis significativo e máis potencialmente suxestivo como se advirte na música da época, o vestiario dos personaxes, os obxectos de consumo, os hábitos de lecer ou a descrición das actuacións das forzas policiais.
O avance argumental, así pois, céntrase nese grupo de estudantes que relatan como viven os acontecementos que marcaron unha época coa habitual presenza da policía, cos investigadores da secreta e os infiltrados, isto é, o universo que reflicte a experiencia da clandestinidade para concluír cunha sorpresa final, talvez inesperada. Novela esixente e pouco convencional pois nela hai un consciente xogo de múltiples voces narradoras, case diría que caleidoscópico e que convida a reconstruír o que se oculta á mantenta.
Botar unha ollada ao pasado como fai Piñeiro reivindica, tamén, as posibilidades da ficción para proxectar no presente o compromiso social coas liberdades cando facelo era, sen dúbida, moi arriscado.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 7 de agosto de 2020.