O pintor cego, de Xabier P. Docampo e Xosé Cobas

9788413430195_1Xabier P. Docampo e Xosé Cobas

O pintor cego

Kalandraka, Pontevedra, 44 páxinas, 15 €, 2020

 

Pasar as páxinas de O pintor cego resulta un exercicio de reencontro feliz, en parte tamén triste, coa palabra de Xabier P. Docampo na que é unha das súas obras póstumas. E supón, ademais de abrazar as palabras de Xabier, apreciar o extraordinario traballo artístico de Xosé Cobas.

Nesta requintada edición que subscribe Kalandraka, Xabier recrea unha historia se se quere de arrecendo clásico inspirada no cadro “A illa dos mortos” de Arnold Böcklin, onde alén dun rei nun castelo, un pintor, un cadro, un amor frustrado e unha vinganza, atopamos a posibilidade de que todo se dinamite por dentro e se subverta para que o álbum ilustrado se convirta nunha proposta feraz onde se conxugan, nunha reconstrución intuída,  as artes pictóricas e as musicais que conseguen, por imposible que pareza, facer un retrato imaxinario, coa música do aire e onde se inclúen talvez as páxinas máis plásticas e fermosas de toda a historia,  dunha raíña de fermosura imborrable ata erixir un final, outra volta clásico, onde unha barca como a de Caronte non leva á morte senón á felicidade.

Xabier deixounos aquí, de novo, outra historia de amor de mans dadas coas artes e o que estas significan para entendernos como persoas, como tantas historias que escribiu na súa vida. Xosé Cobas -non imaxinariamos outra posibilidade- deulle forma co seu estilo inconfundible e rende unha homenaxe palpable ao cadro amentado, movéndose con sutileza por ese azul de Yves Klein, ata darmos con Goya ou os surrealistas, sen esquecer as referencias a O pintor e a modelo de Vermeer, A primavera de Botticelli e ao Napoleón de Ingres, entre outros para configurar, non teño dúbida, unha excepcional publicación.