Carlos Da Aira
A guerra era contra nós
Xerais, Vigo, 48 páxinas, 12,50 €, 2020
Lin, con interese e en pleno confinamento, A guerra era contra nós, libro gañador do VIII Premio Lueiro Rey de Poesía que se ditaminou o ano pasado.
Volvín lelo estes días e confirmei as primeiras e positivas sensacións que tivera naquela lectura inicial. Coido que Carlos Da Aira é, de seu, un dos grandes valores da poesía galega contemporánea entre outras razóns porque é quen de articular, nun libro breve, un proxecto ambicioso como é sistematizar unha revisión globalizadora da condición humana apelando, en moitas ocasións, ás contradicións que -queirámolo ou non- a definen e nos definen…, e faino ademais abrazando con fe a forza da oralidade; desa palabra oral que transforma a escrita noutra cousa e, pénsese se quer no gran Novoneyra.
Artella Da Aira unha ricaz reflexión por algunhas das preocupacións do noso tempo, olladas sempre desde unha perspectiva crítica, activamente crítica, co desexo de establecer un diálogo que contribúa a repensarnos, por veces cun ton épico ou lendario desde o alicerce que proporciona unha visión distópica dunha realidade primixenia que se mudou para peor, isto é, coa palabra e o dominio dela entramos no fragor desas batallas que a propia humanidade libra ao longo da historia, nas súas causas, xustamente “contra nós” e que foron contadas sempre desde as instancias do poder.
Velaquí, en fin, un exercicio subversivo, que dá voz a quen sempre careceu dela na mellor das tradicións da poesía comprometida que, como dicía Celso Emilio, era a única que tiña sentido en si mesma. Axuda este libro a repensar moitas cousas, mesmo particularmente fixo que volvese acreditar en que tamén a verdadeira poesía pode axudar a mudar moitas cousas.