Permaxeo, de Eva Baltasar

Permaxeo cubertaEva Baltasar

Permaxeo (tradución de Gonzalo Hermo)

Faktoría K, Pontevedra, 144 páxinas, 17 €, 2020

 

Sorpresas narrativas, e gratificantes, resultan escasas e teño para min que esta proposta de Eva Baltasar, vertida ao galego por Gonzalo Hermo, non debería pasar desapercibida entre nós.

Permaxeo abéirase á narrativa do “eu” na que un personaxe innomeado, entre tenro e cínico, se vai espindo ao relatar as súas experiencias e vivencias persoais en breves fragmentos que atravesan o tempo da súa infancia e que se alongan ata a mocidade. O título do libro alude á capa da superficie permanentemente conxelada por mor do frío e arrastra unha feliz metáfora que nos interna nunha historia onde ese lazo potencia a súa capacidade illante e de autoprotección, ao tempo que resulta operativa para construír unha realidade ficcional asentada no noso tempo onde latexa aquí e acolá, entretecida por veces cun humor case negro, un idilio recorrente coa morte pois o baleiro que vén detrás do suicidio é unha constante que nunca se perde de vista.

Que salva á protagonista da caída? Se cadra a honestidade e a sinceridade coa que se ve a si mesma, talvez a maneira de afrontar os conflitos e, mesmo, a propia vida: esa oscilación ou viaxe continua, en tantas ocasións imprevisible e frustrante, que a vai conducindo ata espazos e situacións inesperadas coma se arrostrase un desafío serpeando entre as relacións tóxicas, os afectos e os desafectos. A vida, poboada por mulleres, na que inflúe de maneira determinante a formación, as afeccións e o sexo como un risón co que fondea breves lapsos de tempo para logo seguir cara adiante e deluvar tamén as tensións dunha contorna familiar, inexorable e decisiva para ben e para mal ao longo da novela.

Hai outro elemento que cómpre salientar en Permaxeo é o coidado depositado nunha linguaxe altamente metafórica e simbólica, precisa e medida, cultivada ata a obsesión e tan pouco común nesta que é, no fondo, unha chamada ao respecto das liberdades persoais.

 

Este texto publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 14 de agosto de 2020.