Prana Apana, de Patricia Rivas Gallego

Prana-ApanaPatricia Rivas Gallego (imaxes e textos)

Prana Apana

Galaxia, Vigo, 52 páxinas, 14,70 €, 2020

 

Lin con interese Prana Apana da escritora Patricia Rivas Gallego entre outras razóns porque, ao meu xuízo, abraza unha perspectiva que se sitúa a cabalo na nosa nosa tradición sen dar as costas a factores innovadores.

Editado nun formato singular e manexable, Prana Apana apunta adopta unha estrutura debedora da práctica do ioga, tal e como indica a autora nun breve limiar onde sinala que unha das procuras deste é o equilibrio entre prana (enerxía vital) e apana (enerxía de expulsión) e é xustamente esa dinámica, entre inhalación e exhalación, onde poden darse apneas -representadas nun poema que cerra o libro-, o que outorga a estrutura a este libro de poemas.

Non se debe esquecer, ao mesmo tempo, a confluencia consciente que Rivas Gallego adopta entre texto e imaxe, con certos ecos da linguaxe do cómic e situada tamén na tradición das Cousas de Castelao, onde a imaxe convoca ou xera o texto: imaxes de gran calidade en branco e negro ou a cor, que adoptan perspectivas e ángulos inusuais,  con certa recorrencia na reprodución de espazos ou realidades que suxiren fronteiras ou camiños que se traspasan, ou non, como portas ou reixas, alén doutras que reparan na madeira, no metal ou algunha outra con protagonismo humano.

Son estas imaxes, quizais, as que inspiran un conxunto de textos poéticos marcados pola xustaposición de imaxes visionarias de forte intensidade emocional onde se repara, sempre desde a instancia do acougo e a reflexión e acaroadas talvez a certo espiritualismo, con fortuna nos ecos da memoria, no corpo, no universo das sensacións ou na propia identidade, entre outros asuntos. Seguiremos, con interese, a traxectoria futura desta escritora.