Anémona de Río
A proba de auga
Xerais, Vigo, 96 páxinas, 12,20 €, 2020
Trala publicación do primeiro manga en galego baixo o título de Tam (Retranca Editora) Anémona de Río, que lograra o Premio Fin de Curso 2017 de O Garaxe Hermético, modélica escola profesional de banda deseñada e ilustración dirixida por Kiko da Silva, que tanto significa para a aprendizaxe e a normalización da banda deseñada galega, acadou con A proba de auga o I Premio de Banda Deseñada da devandita escola.
Situada no ronsel da súa primeira entrega, isto é, cun estilo a cabalo entre o manga e o cartoon, resulta inequívoco o seu interese tanto para normalizar este tipo de creacións entre nós, de crecente demanda nas xeracións máis novas, como pola actualidade da súa temática articulando, así, un percorrido imaxinativo polo interior do corpo humano cunha sección conclusiva de utilidade pedagóxica.
A proposta, así pois, asedia contidos científicos da man dun fío narrativo ben construído e marcado pola axilidade no manexo da trama onde non falta, nese percorrido amentado, a presenza dos temibles virus, das súas consecuencias e das vacinas. Talvez unha inmellorable ocasión para achegar estes conceptos a un público novo -e polo que parece non só- nestes tempos de pandemia.