Eva Méndez Doroxo
Embernallúas
Urutau, 62 páxinas, 12 €, Pontevedra, 2019
Segundo o nomenclátor da Xunta de Galicia Embernallúas é, en efecto, un topónimo dun lugar situado na parroquia de Muñís no concello de Navia de Suarna. Adopta a escritora e artista interdisciplinar Eva Méndez do Doroxo este lugar, que foi o da orixe do seu pai, como título do seu libro tras coñecer a estatística da poboación do Diccionario de Madoz. Nos devanditos rexistros apúntanse como veciños os fogares onde vive un home como cabeza de familia, o resto son almas. E velaí a estrutura que adopta o libro, isto é, tres referencias de rexistros poboacionais que se remontan a 1843, 1943 e 1973, tendo o primeiro 5 veciños e 31 almas; o segundo 5 veciños e 35 almas e, no derradeiro, nin veciños nin almas.
Paira, así pois, en Embernallúas, desde a súa concepción, unha reinvindicación explícita dun lugar despoboado, cunha crítica explícita a demonización que se fai do mundo rural, pero existente recorrente na memoria. Ao tempo reclama non só o papel da muller, pois foi ela quen habitou este e outros territorios desde a invisibilidade social e sociolóxica, senón tamén a súa propia existencia individual, negada e reducida ao xenérico almas. E son as mulleres concretas e innomeadas as que poboan este territorio de poemas, agora olladas desde a súa individualidade e que en ocasións reaparecen, coa súa intransferible voz -agora si- en diferentes etapas vitais. Con todo, esa distribución tripartita posibilita unha lectura global ao considerar esas voces só unha que repara nas tres etapas vitais: infancia e adolescencia, madurez e vellez onde a o peso do erotismo e a sensualidade das mulleres todas, da muller toda, outorga solvencia, emoción e solidez ao libro.
Parabéns á autora por este libro ao que cheguei tarde pero por el se pasa o tempo será para melloralo.