Viaxe á illa das mulleres loucas, de Alfonso Pexegueiro

IMG_20200817_175425 (1)Alfonso Pexegueiro

Viaxe á illa das mulleres loucas

Concello de Ponteareas, Ponteareas, 168 páxinas, edición non venal, 2020.

Hai algún tempo chegoume á caixa de correos este libro publicado polo Concello de Ponteareas en edición non venal e, malia esta continxencia que se cadra dificultará a súa difusión, creo que cómpre dar conta del nesta sección. O libro incorpora o texto teatral que o propio  Alfonso Pexegueiro creou a partir do seu poemario A illa das mulleres loucas, que data de 1984 na súa primeira edición. Nunha definición aséptica esta sería a noticia literaria mais Pexegueiro ofrece aquí, por fortuna, moito máis, isto é, alén de incluír un dvd con audios, entrevistas e a representación da peza, inclúe un abondoso material gráfico e documental, con numerosas reflexións do propio autor e un ricaz e suxestivo post-scriptum que entendo como fundamental xa non unicamente para entender o sentido da peza senón para achegarnos á singular, e coido que escasamente recoñecida, estética de Pexegueiro.

A viaxe á illa das mulleres loucas é, así pois, unha translación natural da “versión” poética desde a que agroma: algo natural pois resultaba obvia a dinámica teatral interna que a peza poética atesouraba. Esta versión comezou a traballarse por volta da reedición do libro de poemas do ano 2004 e contou co traballo dos músicos Anxo Pintos e Quico Comesaña, coas actrices Vanesa Sotelo e María Caparrini, alén da presenza e recitado do propio autor, co deseño da iluminación a cargo de Baltasar Patiño. A translación teatral transmite con limpeza trazos desta illa que xa forma parte de nós como son a ruptura ou suspensión temporal que, ademais, afronta o desafío de apalpar as estremas entre a tolemia e a cordura, asedia o concepto do exilio, reivindica o papel da muller e erixe un vibrante canto á vida e á liberdade.

Hai un desexo explícito do autor que cifra en que “os soños nos axuden a descubrir a realidade e que a realidade nos permita descubrir os soños”. Esta esencia repousa neste libro, inequivocamente.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 21 de agosto de 2020.