Caja de las bestias/Caixa das bestas, de Begoña Paz

978841726356Begoña Paz

Caja de las bestias / Caixa das bestas

Baile del Sol Ediciones, Tenerife, 158 páxinas, 15 €, 2020

 

Hai xa algúns anos, Begoña Paz, a escritora coruñesa que se dera a coñecer no ano 2004 cunha proposta desacougante e intensa, de memoria permanente, como foi A ferida, respondera neste mesmo blog que a súa devoción na poesía eran as cicatrices.

Non atopo mellor definición para este libro, publicado en edición bilingüe, que se nuclea arredor do concepto das cicatrices que deixa a existencia e o amor, abordadas desde un punto de vista moi persoal onde o corpo da muller absorbe a práctica totalidade do seu discurso expresado nun rexistro breve, conciso, esencialista, rotundo e efectivo, acompañado por un apreciable corpus de collages da súa autoría, marcado asemade pola continua sorpresa, polo inagardado e o subversivo.

Os poemas, alén da introdución titulada “Citoloxía”, distribúense en catro espazos concretos, isto é, depósitos máis ou menos ordenados que se destapan e que clasifican en caixas de arelas, de bostelas e sombras; ademais dunha segunda sección estruturada baixo o título de “O feirón do amor”. Ao destaparmos as devanditas caixas xorde unha voz espida e directa: nunca hai ambaxes nin ambigüidades, antes ben aflora o desexado, a capa dura que permite a cicatrización da ferida, tamén aquilo oculto que se intenta iluminar alén da desesperanza, do desasogo, da dor e,  talvez sobretodo, desa focalización permanente nunha historia de amor e o pouso físico e emocional que esta deixa pois, na realidade, Caixa das bestas vén sendo un percorrido intenso, e aguilloante en moitas ocasións, que discorre polo ámbito dos sentimentos, do que nos alimenta, da propia vida.