A vinganza dos homes bos, de Manuel Esteban

A vinganza dos homesManuel Esteban

A vinganza dos homes bos

Xerais, Vigo, 264 páxinas, 17,70 €, 2020

A construción dun universo literario, o máis compacto e sólido posible, que suscite interese e que abra as portas de vez para seguir transitando por el é un dos desafíos que esta nova novela de Manuel Esteban aborda e do que, ao meu ver, sae airosamente.

Tras dúas novelas co particular ex-inspector de policía e detective Carlos Manso como protagonista, nesta terceira abrázase con solvencia unha historia, ou máis ben dúas, vinte anos polo medio, que nos sitúan, por un lado, nese territorio literario tanxible como é o da cidade de Vigo,  que cobra aquí un novo perfil ao rescatarse, cando menos, dous dos túneles que o atravesan: o que vai desde os Caños ata a Alameda e o que se estende desde a zona de Canadelo Alto ata o barrio do Roupeiro -de libre acceso este hai algúns anos- cun fío argumental centrado na loita contra a corrupción que evidencia outro trazo común nas novelas de Esteban como é o da denuncia social.  Por outra banda, o autor faino viaxar á illa de Fuerteventura cunha trama onde se mestura o narcotráfico con ecos da Marcha Verde, o conflito saharauí e un acontecemento traumático que Manso protagoniza e que revela as claves dun pasado para iluminar o presente, sen descoidar o ritmo vertixinoso e un acaído tecido secuencial.

Inserida na dinámica dunha novela de intriga, de mans dadas sobre todo coa súa penúltima entrega, nela  salienta o desenvolvemento argumental da vinganza como concepto e forza que usurpa a vontade e que impulsa a súa irremediable potencia destrutora. Non se esquece visitar topos clásicos como poden ser o propio paso de tempo, a culpa –“esa filla bastarda da responsabilidade”-, o pozo insondable desde o que nacen as mentiras,  a cólera que ás veces esperta o peor do ser humano ou, mesmo, a relevancia da memoria como sedimento sen o cal resulta imposible vivir. Sen dúbida, un decidido paso adiante no percorrido autorial de Manuel Esteban.

 

Este texto publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 28 de agosto de 2020.