Servir era o pan do demo, de Xavier Castro

Xabier Castro

Servir era o pan do demo

Galaxia, Vigo, 560 páxinas, 28,90 €, 2020.

 

Cheguei ao historiador Xavier Castro a través dunha obra que me pareceu formidable no seu día e de inequívoco valor como foi O galeguismo na encrucillada republicana (1985): unha inestimable fonte de datos sobre o noso pasado político. Anos despois, as súas investigacións centráronse, de maneira destacada, tanto na figura de Castelao como na historia da nosa alimentación e a gastronomía sen esquecer, como este libro demostra, abordar as claves da vida cotiá da Galicia contemporánea.

          Servir era o pan do demo é, ademais, un libro que conta cunha historia curiosa pois, alén de ser galardoado co premio de investigación Premio Ferro Couselo, viu unha primeira edición naquela empresa editorial viguesa chamada Nigra Trea no ano 2007, editora que tantos proxectos estupendos abrazou, para ver outra edición a finais do ano pasado na Editorial Galaxia que, nestes días, xa prepara a súa reedición.

          Sen dúbida, este éxito de recepción cómpre interpretalo como consecuencia do interese que suscita o coñecemento do noso pasado e, concretamente, da vida cotiá, mais tamén conta no seu haber o rexistro áxil e fluído que exhibe, enriquecido cunha abondosa documentación manexada, alén da incorporación de diversas fontes orais.

          Castro asedia, deste xeito, como era a vida do día a día nas cidades, vilas e aldeas, dun xeito sintético e cunha intención panorámica, ao longo dos séculos XIX e XX. Por suposto, o libro aborda a devandita historia da alimentación, mais tamén repara con atención na marxinación á que foron sometidas as mulleres pola única razón de selo; atende ás dinámicas expresas no amor e ás relacións establecidas na familia, sen esquecer o deseño dos momentos do lecer, as características das vivendas ou das roupas ou como eran os traballos, os coidados da hixiene ou a escola para reconstruír o noso imaxinario colectivo no que se moveron xentes galegas de toda condición social.

 

Este texto publicouse na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas de La Voz de Galicia o 4 de setembro de 2020.