
Rosalía Fernández Rial
Árbores no deserto
Galaxia, Vigo, 124 páxinas, 15 €, 2020
Con ilustracións a cargo de Mª. X. Costa Valiño, Árbores no deserto semella un amplo pentagrama debuxado con palabras e rexido por un indubidable espírito reivindicativo, aberto asemade a múltiples lecturas. Rosalía Fernández Rial ofrece unha proposta que xorde da ansia do coñecemento e a reflexión estruturado a xeito de diálogo intertextual para construír, tamén con silencios, música e enunciados performativos, a rebeldía.
Se hai máis de cento cincuenta anos outra Rosalía ideaba un libro inaugural alimentado por glosas populares gústame ver aquí como se abraza un modelo que recende a aquel, onde pervive unha semellante vea belixerante. Fernández Rial, agora, concibe un tributo á muller, ás mulleres todas, para o cal se inspira, e nalgúns casos reescribe a xeito de palimpsesto. fragmentos poéticos, citas, pensamentos ou sentenzas dun “atlas” de mulleres -esas árbores- que, malia todo, florecen no deserto. Corcose así un tapiz poboado dos ecos de voces elocuentes e rotundas, con evidente perspectiva de xénero e, en tantas ocasións, ignoradas.
O proceso consciente de apropiación e de restauración da memoria é, así, categórico e contundente; tamén experimental e híbrido pola diversificación artística desde os esteos nos que se concibe. Eríxese así un conxunto de ciclos poéticos, depurados e independentes entre si, inducidos por propostas textuais, en ocasións audiovisuais, que se rescatan e avivecen entre un abano de presenzas, e os seus escritos, que subscriben Sojourner Truth, Flora Tristán, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Emma Goldmann, Virginia Woolf, Clara Campoamor, María Zambrano, Simone de Beauvoir, Kate Millett e Malala.
Percorre esta proposta unha vontade de romper silencios, a perentoria necesidade de volver contar a historia e de reclamar a visibilidade. É este, en suma, un diálogo fecundo e feraz: un territorio onde se moldean as palabras para “escribir a luz”.
Este texto publicouse na sección “Ex umbra in solem”, no suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 11 de setembro de 2020.