Formigas nos pés, de Nazaret López

Cuberta Formigas nos pésNazaret López

Formigas no pés

Xerais, Vigo, 312 páxinas, 18,80 €, 2019

É Formigas nos pés a primeira incursión da xornalista Nazaret López no ámbito da narrativa e preséntase coa recreación dunha historia máis ou menos común como é a ruptura das relacións de parella mais faino a través do punto de vista da protagonista en primeira persoa que dialoga cun “ti” sempre ausente e doutra voz en terceira, que sobrevoa e relata as situacións emocionais, sempre a través de pequenos fragmentos narrativos, que viaxan de adiante cara a atrás sen nunca perder a perspectiva.

          A ficción aliméntase nas dinámicas que adquire esa relación de desamor establecida en  parámetros claramente distantes: a figura masculina aparece e reaparece escasamente e sempre ao seu antollo mentres que a protagonista é quen sofre, case en exclusividade, as consecuencias da ruptura que a dirixen a un abismo e teima sempre en sondar os rescaldos que aínda, dalgún xeito, avivecen esa relación de días compartidos, mais tras evidenciar un presente construído cos ecos máis escuros da quebra e logo de albiscar un futuro cheo de abatemento, só atopará acubillo e apoio no proceso de reconstrución persoal nos afectos do seu fillo, do seu irmán e, sobre todo, na sororidade que ofrecen as figuras das amigas, sen esquecer a práctica da pintura artística que lle outorga máis sentido poliédrico ao título da novela. Todo isto de mans dadas todo cunha banda sonora ampla e acaída que axuda ao proceso de cicatrización das feridas e a que esa vulnerabilidade que exhibe se transforme en fortaleza para abrir as portas á esperanza.

          A novela abéirase, ás máis das veces, a unha prosa moi acaída para a tensión emocional do seu contido, que non rifa cunha tonalidade case lírica en ocasións. Ao tempo, convén anotar no seu haber o coidado rexistro que a arroupa, alén de ser unha proposta de asunto pouco frecuentado e aínda menos desde o punto de vista que abraza. Unha estrea afortunada, sen dúbida.

Este texto publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 18 de setembro de 2020.