Xabier P. Docampo

Catro cartas
Xerais, Vigo, 40 páxinas, 10,15 €, 2020
Hai pouco máis de dous anos que faleceu Xabier P. Docampo. Un dos grandes, nin que dicir ten, da nosa literatura contemporánea como testemuña o seu legado literario. Unha voz que a morte silenciou mais viva aínda, por fortuna, nas palabras e nos libros que nos deixou.
Ao seu corpus narrativo engadiuse, hai poucas datas, un excepcional álbum infantil de lectura obrigada como é O pintor cego (Kalandraka), elaborado conxuntamente co ilustrador Xosé Cobas e, arestora, estoutro volume disposto baixo o título de Catro cartas, isto é, breves textos do xénero epistolar, marcados por un forte carácter memorialístico e acompañados por ilustracións de Fino Lorenzo. Un volume que posibilita achegarse ao particular universo creativo do autor ao avivecer os rescaldos e as claves da súa traxectoria creativa mercé ao rescate de pasaxes máis ou menos biográficas.
É este, así pois, un breviario ou compendio, tamén emocional, do que a lectura e a escrita foron na súa vida. En todas as cartas, isto é, nas que se dirixen á amada, ao fillo, á mai, a “R.L.S.” ou mesmo nese agasallo final para quen lese as catro cartas anteriores e que ten como destinatarias as persoas que pertencen á “confraría dos que amamos as palabras”, agroman aquí e acolá pequenas sentenzas como aquela, tan recorrente e afortunada, cifrada en que “contar un conto é o máis sublime acto de amor que se pode ofrecer a un ser querido”.
En efecto, de actos de amor -aos seus e á creación literaria entendida sempre un exercicio de “emoción compartida”- está construído este libro que recupera momentos se se quere moi persoais mais operativos para o obxectivo de comunicar a experiencia vital que para el significou coñecer as palabras e descubrir as complicidades que estas suxiren, co pano de fondo das páxinas de As mil e unha noites, da Odisea ou da A illa do tesouro. Un libro para celebrar a vida, como a Xabier lle gustaría.
Este texto publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 25 de setembro de 2020.
1 Comment
Os comentarios están pechados.