A relixión do mar, de Xosé Iglesias

Xosé Iglesias

A relixión do mar

Caldeirón, 128 pp., 13 €, 2020

A relixión do mar, do fisterrán Xosé Iglesias, conseguira o premio de poesía Victoriano Taibo no ano 2016. Tras unha edición esgotada en pouco tempo e de difícil acceso, a editorial Caldeirón volve felizmente reeditalo nestas datas, cun fermoso prólogo de Felipe Senén e nunha edición corrixida e aumentada.

          Declárome un verdadeiro apaixonado deste libro como tiven ocasión de manifestar na súa presentación na viguesa libraría Cartabón hai xa algún tempo. As razóns desta devoción son de diversa índole pero supoño que me arrastra esa lectura que o entende como un fermoso vademécum, intenso e emocionante, sobre a vida do mar e sobre a vida no mar, se cadra mesmo sobre as dimensións que abraza o mar na propia existencia. É, asemade, un libro para aprender porque ofrece leccións, sen ser esa a súa intención, sobre saberes e experiencias; un libro operativo para amar a poesía e saber das velas místicas, para coñecer que é o raio de Xúpiter e cal é, cal foi, o traballo dos carpinteiros da ribeira, reconstruíndo un imaxinario de nós para navegar do Mar de Dentro ao do de Fóra, acompañados coas xerfas, argazos, almeiros, arneiróns, cardumes e ardentías. 

          Xosé Iglesias pertence, por dereito propio, a esta estirpe de salitre e salseiros, que souberon sentir o mar e nolo ensinaron con outra ollada. Constrúe unha cartografía singular, identitaria, persoal e colectiva, nun ronsel que vai dos trobadores medievais a Gonzalo López Abente, Avilés de Taramancos, Manuel Antonio, Bernardino Graña, Alexandre Nerium ou Miro Villar entre outras voces.        

       Pareceume sempre, e volve parecerme agora, A relixión do mar un libro-agasallo calafateado con esmero e talento, en ocasións un verdadeiro mayday  polo que se perde, ás veces un canto á esperanza dominado polo amor ao mar. O nordés alimenta as velas de relinga que propulsan esta nova singradura, onde o barco é un deus, onde o mar é a fe.

Este texto publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 2 de outubro de 2020.