Lueiro, a primavera que espera

Onte, domingo 11 de outubro de 2020, as páxinas de Cultura de La Voz de Galicia acolleron un artigo sobre a memoria de Manuel Lueiro Rey por mor do seu 30 cabodano. Reprodúzoo aquí.

O 11 de outubro de 1990 falecía no Grove Manuel Lueiro Rey. Non sei ben a razón pero daquela algo me conduciu a gardar algúns retallos de prensa que daban conta do seu pasamento. Lera só algunha obra do autor, case toda a xornalística, iso si, mais algo había nel que impulsaba o meu interese. Tempo despois, circunstancias diversas leváronme a editar parte da súa obra literaria, a escribir algunhas liñas sobre o seu percorrido biográfico e a defender, sempre que me foi posible, o que significou unha figura da súa talla moral de Lueiro e os valores que a súa achega literaria encerran.

Non fun o único, nin o serei, que reparou na grandeza de alguén que, en tempos adversos, abrazou a fe, desde moi novo, da democracia, da solidariedade e da liberdade: non en van comezou a súa intensa presenza como colaborador en prensa cun artigo reclamando a insensatez da pena de morte en plena II República e concluíuno cunha carta despedida en forma de artigo, realmente un testamento vital, titulado A todos los míos, como presencia e que aínda conmove. Precisamente A liberdade ferida foi un título de homenaxe que se publicou hai algúns anos e nos seus contidos revélase como esa ansia que sempre o mantivo alerta de Fornelos de Montes ao Grove, de Buenos Aires a Pontevedra -por só citar catro dos espazos polos que transitou- permitiulle sobrepoñerse ás feridas para botarlle un pulso á vida sen traizoar os seus principios.

A súa memoria -palabra tan querida por el- está moi viva. Reloce en tres importantes galardóns literarios -de narrativa, poesía e xornalismo- e aos poucos, desde o ano 1990, foi aparecendo obra inédita, reeditáronse algúns libros, que non son poucos e que forman parte irrenunciable do noso patrimonio literario. Mais tamén agromou, talvez sexa isto o máis relevante, unha sorte de irmandade non planificada e espontánea arredor do que el representa para moitas persoas: esa «causa Lueiro» que, silandeiramente, medra sen cesar como unha bóla de neve. Hai, en fin, trinta anos que falecía Lueiro, esa «conciencia crítica permanente radical» en palabras de Xesús Alonso Montero. Quixen evocalo aquí e honralo coa esperanza de que algún día chegue a primavera que ben merece.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s