A vida na fundición, de Rebecca Harding Davis

Rebecca Harding Davis

A vida na fundición (tradución de Alejandro Tobar)

Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 68 páxinas, 12 €, 2020

Lin con moito interese esta obra que chega ao galego en Hugin e Munin da man de Alejandro Tobar como responsable da tradución nun traballo, por certo, excelente.

Nada coñecía, previamente, desta interesante figura da literatura estadounidense chamada Rebecca Harding Davis e este libro –A vida na fundición– creo que é unha excelente carta de presentación da autora para o lectorado galego. Presentada como unha pioneira no ámbito do realismo, responsable dunha prolífica obra literaria – máis de 19 novelas, máis de 175 relatos e máis de 200 ensaios- sorprende a concepción tan moderna que abraza, dous anos antes de se publicar o noso Cantares gallegos, tanto desde o punto de vista técnico -con abondosas apelacións á persoa que avanza na lectura, tantas delas sinalando elementos de reflexións implícitos na historia e outras que exhiben o poder omnímodo da voz narrativa- como no que afecta ao deseño das diferentes clases sociais nucleadas arredor das existencias e dos traballos dunha fundición, sen abandonar nunca unha visión crítica, mordaz en ocasións. Velaí os traballadores, coas súas miserias e os seus soños -mergullados en máis miserias que soños-, representados nos curmáns Deborah e Hugh Wolfe: símbolo da clase proletaria, desposuídos de todo o que non sexa o horizonte de supervivencia, quebrado por un malfadado intento de saír do infortunio derivado dunha decisión arriscada.

Menos atractivo, a ollos de hoxe, talvez o constitúan os discursos que afondan nos asuntos de filiación relixiosa ou dogmática mais, ao meu xuízo, velaquí unha peza de interese e, ao que sei, dunha figura que foi reinvidicada polo pensamento feminista desde os anos setenta do pasado século.