O Caderno da crítica: 10 anos

O 28 de outubro de 2010 botaba a andar este blog cunha proposta sinxela nucleada na difusión de contidos vinculados coa literatura galega. Ao longo desta década intentouse dar conta dunha mínima parte do que aos poucos foi caendo nas miñas mans, alén de incorporar certas seccións que, no seu día, gozaron dun seguimento moi favorable como foron os Cuestionarios Proust, algunhas entrevistas ou o Taboleiro do Libro Galego, que tiven que cancelar en marzo de 2017.

Malia que o ritmo de anotacións diminuíu nos últimos tempos quería aproveitar a ocasión para darvos as grazas por visitar de cando en vez este blog e tamén para expresar a miña gratitude á xenerosidade das editoriais galegas, ao suplemento Fugas de La Voz de Galicia que acolle semanalmente as miñas recensións e a tantas e tantas voces do noso discurso literario contemporáneo. Seguimos!