No interior do abandono, de Carlos Lorenzo e Baldo Ramos

Carlos Lorenzo e Baldo Ramos

No interior do abandono

figurandorecuerdo(s)edicións, col. Maruja, 72 páxinas, 17,50 €, 2020.

Foi unha sorte achegarme a este marabilloso libro que articula un feliz encontro entre a imaxe, a cargo de Carlos Lorenzo, e a palabra, que subscribe Baldo Ramos, sen esquecer o intachable traballo de figurandorecuerdos(s)edicións e o discurso previo que asina un “ninguén” que se corresponde ao mestre celanovés José Antonio Fraga Moreiro e que recomendo vivamente pois, cunha linguaxe próxima, directa e non exenta de ironía, enfía unhas reflexións sobre a Galicia baleira(da) de infinito valor e coas que, cando menos para min, é difícil estar en desacordo formulando, desde as instancias das vivencias persoais, unha aposta pola recuperación e o respecto que deber suscita a vida rural e a vida no rural.

Prologuista, fotógrafo e poeta percorreron, ao que sei, diversas aldeas dos concellos de Verea, Celanova e A Bola, na provincia de Ourense, e de Carral na da Coruña. Resultado desa experiencia xorde o encontro entre a palabra de Baldo Ramos e a fotografía de Carlos Lorenzo que xa colaboraran no proxecto  Ramallosa, caligrafías de luz (2011). Non se busque, realmente, unha interacción forzada entre imaxe e texto porque non a hai; é máis, esta agroma de maneira natural e espontánea porque, entendo, fotógrafo e poeta comparten unha visión común inspirada na dimensión real de creba, abandono e esgazamento -dimensión non metafórica- que repousa nos territorios que se eslúen pouco a pouco diante de nós. De aí que este libro naza nos espazos dunha filosofía partillada de que na ruína e no esquezo hai beleza malia que alén dos valores estéticos hai outros valores que beirean a traxedia, á que damos as costas, personalizada nas vivencias -reais ou imaxinadas, tanto ten- das persoas que, noutrora, ocupaban eses lugares despoboados e baleiros arestora, mais nos que permanecen os ecos da vida que foi, da memoria.

Hai poemas antolóxicos neste libro, desa voz fonda, telúrica e honesta que representa Baldo Ramos; hai fotografías que hipnotizan pola súa forza magnética, porque contaxian o silencio e transmiten con limpeza a devastación que impón o paso do tempo neses territorios aos que non é xusto darlles as costas. Parabéns polo proxecto, parabéns polo resultado final.