Xico Paradelo, Irene Veiga e Iván Suárez
Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de Terra
Demo / Através, 134 páxinas, 20 €, 2020
Foi unha sorte que caese nas miñas mans esta modélica banda deseñada titulada Ricardo Carvalho Calero. Coraçom da Terra e ter a oportunidade de enfiar unhas palabras sobre o seu significado pois talvez constitúa este un dos proxectos editoriais máis suxestivos e orixinais que xerou este ano dedicado ao autor ferrolán. Nel visualízase un esforzo colectivo de diversas vontades e entidades, alén do traballo conxunto de dúas editoras e, ao mesmo tempo, o relevante labor de tres guionistas -Xico Paradelo, Irene Veiga e Carlos Rafael Ramos- que sintetizan con acerto unha biografía intensa e plena. Non quixera tampouco ignorar o tratamento gráfico de Iván Súarez nin o labor de dirección artística a cargo de Manuel Cráneo.
Un dos méritos da publicación reside en abeirarse a un formato que abre as portas á difusión do percorrido biográfico e ideolóxico de Carvalho a un lectorado amplo, isto é, a banda deseñada resulta especialmente operativa tanto para quen puidese ignorar a súa figura como para aquelas persoas máis familiarizadas con el. O tratamento visual, áxil e informativo, ao que se somete a súa vida e a acaída e orixinal organización interna, posibilita unha lectura que revisa a súa obra creativa, o seu pensamento político e lingüístico e, abofé, as súas peripecias persoais e familiares, con especial atención á figura de María Ignacia Ramos. Nas súas páxinas xorden, aquí e acolá, encontros, e tamén algúns desencontros que marcaron a súa vida, ademais de incorporar moitas chiscadelas de corte literario, outras situacións puramente ficcionais e mesmo algunhas de filiación fantástica, que moito enriquecen as súas páxinas e que convido vivamente a coñecer.
Esta lectura biográfica parte dunha ucronía onde Carvalho Calero, no ano 1996, inaugura un evento e imaxina como sería o seu pasado e o de Galicia se todo fose diferente. É aí onde comezamos a asomarnos a unha liña do tempo que nos achega á súa infancia, aos estudos universitarios composteláns, á vivencia da guerra, á docencia no colexio Fingoi e na Universidade de Santiago e nos conduce ata os seus últimos días. Un percorrido, en fin, poboado de tantas pequenas e grandes historias que merece ser saudado con alegría por todo o que achega á difusión da súa figura. Xavier Alcalá afirma, no prólogo deste libro, que ao autor homenaxeado habíalle gustar este proxecto orixinal e innovador. Estou certo que así sería.
Este texto publicouse no suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 30 de outubro de 2020.