Manel Cráneo
Corona-bios
Demo Editorial, A Coruña, s/n páxinas, 20 €, 2020
O ilustrador e editor Manel Cráneo ideou e creou, durante o confinamento dos últimos meses, unha serie de estampas que tiñan, como era de esperar, o pano de fondo da Covid-19 e que, ao que sei, foi dando a coñecer nalgunhas redes sociais.
Particularmente descoñecía esta iniciativa diaria que chegou a min en forma de libro, financiado a través dunha campaña de micromecenado en Verkami, baixo o subtítulo de “Notas biográficas de persoas anónimas en tempos de pandemia” e prologado polo gran Xaquín Marín.
Non é doado facer humor co tema da pandemia e Cráneo faino sempre con respecto e delicadeza, aínda cando beirea o humor negro. Con trazo limpo e sinxelo, por veces incluíndo elementos máis comúns na banda deseñada, focaliza a visión nos protagonistas -velaí esas biografías tan recoñecibles- e no seu discurso, do que ás veces prescinde para cederlle a voz elocuente á imaxe senlleira. Obvia tamén decorados prescindibles cun arrecendo aos grandes mestres da caricatura e o humor gráfico e ofrece, sen dúbida, unhas horas de impagable gozo, divertimento e reflexión. Orixinal memoria gráfica desta pandemia a que encerra este libro tan recomendable.