Libro dos lugares 2, de Antón Patiño

Antón Patiño

Libro dos lugares 2

Editorial Elvira, Vigo, 590 páxinas, 27 €, 2020.

Evoco a presentación do Libro dos lugares na libraría viguesa Librouro con agrado e como un acto, ademais, que resultou moi divertido. Ao fío deste pensamento resúltame unha feliz obriga asomarme a estoutra ventá, irmá daquela e titulada Libro dos lugares 2 que supón unha aposta, en tempos difíciles, por espallar a vixencia do pensamento crítico e a cultura do ensaio en lingua galega, tan desatendido entre nós nos últimos tempos.

Antón Patiño representa unha voz senlleira, está se cadra de máis lembralo, dono dunha abondosa produción ensaística en galego e castelán, á que se vén sumar un libro, para min cruzado de saberes enciclopédicos e de conclusións non menos valiosas, que asenta as súas achegas nunha cartografía persoal singular con indubidable proxección colectiva inspirada nos lugares transitados, nos recordos e nas experiencias vividas, onde seguen a a perfilarse moitos non-lugares, des-lugares ou mesmo ex-lugares e, nesta ocasión sumando un “lugaires” marabilloso, definido con precisión como o “lugar onde o vento vibra cara aos vieiros do ensoñamento”.

De soños e pulsións artísticas hai moito neste libro que recomendo convertelo, prologado con excelencia por Estíbaliz Espinosa, nun deses títulos de cabeceira que acompañen a reflexión ao morrer o día. Saboreen as propostas de Patiño: son breves e están cargadas, todas elas, desa rara dimensión que suxire e convida á reflexión, sexa cal sexa o motivo ou o argumento que o inspira e que brinca da ensoñación á crónica, da fantasía policromática dalgún texto ao rescate do simbolismo que ten un aceno ou unha vivencia, alén de estar sempre presente o mundo dos libros, porque tamén é un libro de libros.

Atopamos sempre a memoria, esa sentinela do cerebro como a alcumou Shakespeare, grazas á que circulamos, nunha espiral infinda, de Novoneyra a Otero, de Siniestro Total a Reixa, de Menchu Lamas a Valente, de Laxeiro a César Portela, da lingua galega e de neoloxismos engaiolantes á realidade do chapapote, sen esquecer a querenza polo aforismo ou ao significado hoxe das terras da Ribeira Sacra.

Un libro que semella resultado da fe nas utopías, máis neste tempo pandémico, como é a da escrita libre, xenerosa, irónica e potente, que nos axuda a entender moitas cousas, entre elas o noso propio tempo e as súas cadencias.

Presentación do Libro dos lugares (libraría Librouro, 19 de outubro de 2017. De esquerda a dereita: Xina Vega, Xabier Romero, Antón Patiño e mais eu).