Antoloxía escolar da época Nós, edición de Patricia Arias Chachero

Patricia Arias Chachero (éd.)

Antoloxía escolar da época Nós

Galaxia, col. Literaria Ensino, 292 páxinas, 17,50 €, 2020

Moi oportuna e valiosa paréceme esta achega que recibo da man da editorial Galaxia baixo o título de Antoloxía escolar da época Nós, e non só porque neste 2020 atravesemos esta accidentada conmemoración da primeira entrega da revista Nós e, dalgún xeito, do inicio dunha época que estende a súa relevancia ata a actualidade. Oportuna, apuntaba, porque é de agradecer unha iniciativa destinada, aínda que non só, ao alumnado de secundaria e bacharelato ao que agora se lle pode ofrecer unha escolma coidada que posibilite obter unha visión de conxunto, a través dos textos literarios, de parte do que nos deixaron as voces máis substantivas desta xeración.

Velaí como Patricia Arias, a súa editora nesta ocasión e sempre unha garantía de traballo rigoroso, antologa con tino desde as “Primeiras verbas” do primeiro número da revista Nós, pasando por Losada Diéguez e Cuevillas -polo xeral inxustamente tratados nos manuais literarios ao uso- e unha proposta ampla, e coido que certeiramente escollida, ata diversas prosas subscritas en diversas épocas por Otero, Risco e Castelao: textos adaptados minimamente como é de regra neste tipo de manuais escolares e, por outro lado, profusamente anotados.

Alén diso, este libro incorpora un apéndice de extraordinaria utilidade conformado tanto por actividades de carácter xeral sobre a época Nós como por diversas e abondosas suxestións de traballo nas aulas que xermolan desde a propia antoloxía de textos.

Aplaudo e agradezo, como docente, este volume que permitirá achegar a discentes, de hoxe e sempre, este patrimonio cultural e literario clásico e simbolizado nas diversas voces da Época Nós. Beizón.