Alba de groria, de Castelao

Castelao

Alba de groria (ilustracións de Ana Santiso)

Galaxia, Vigo, 28 páxinas, 13,50 €, 2020

Manifestar algo minimamente orixinal por volta deste discurso, Alba de groria, o derradeiro que pronunciou Castelao e, como se sabe, unha peza de oratoria absolutamente modélica e que un non casa de reler, talvez sexa imposible.

Con todo, non quero deixar pasar a oportunidade de incorporar a este blog a información dunha requintada edición do discurso, acompañada dunha acaída interpretación gráfica a cargo de Ana Santiso e un operativo apéndice, baixo o título de “Estadea”, onde Xesús Domínguez Dono nos orienta, breve e certeiramente, sobre as figuras que Castelao nomeou na súa intervención.

Parabéns pola iniciativa. Un libro que nesta ou noutra edición tiña que estar en todos os fogares galegos, e máis nestes tempos de tantas manipulacións e mentiras sobre a nosa lingua. Malia todo, e como conclúe Castelao, “que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os voso fogares”.