Coraxe: poemas audaces para rapazas afoutas; Karen Finneyfrock, Rachel McKibbens e Mindy Nettifee (eds.)

Karen Finneyfrock, Rachel McKibbens e Mindy Nettifee (eds.)

Coraxe: poemas audaces para rapazas afoutas (tradución de Eva Almazán)

Sushi Books, Cangas do Morrazo, 188 páxinas, 16 €

Chegoume hai algúns días este título editado por Sushi Books. Francamente descoñecía a totalidade das súas autoras e tampouco nada sabía das súas editoras, pero sempre é bo dar un paso adiante e acceder, aínda que sexa a través dunha escolma, ao que ofrecen estas voces poéticas do ámbito anglosaxón que, sen dúbida, formulan propostas que entendo como atractivas para lectoras adolescentes, e non só.

Os textos poéticos, traducidos por Eva Almazán, agrúpanse acaidamente en función dun criterio temático conformado por motivos como son o corpo e a identidade, a resilencia e a verdade, o poder e a protección, o amor e a perda, sobre “ser e facerse” e, finalmente, por volta de asuntos como son a familia e a fe ou a estima e a exposición, para concluír cun feixe de poemas articulados baixo a epígrafe da “sanación e a vida”; alén de incorporar unhas útiles notas bio-bliográficas sobre as escritoras escolmadas para saber máis.

As editoras afirman que con cada poema antologado perseguían “infundir coraxe mediante a voz” a un lectorado feminino que atravesa a adolescencia. Estou certo que sexa ou non ese período que se percorre hai moito que aprender nestas composicións e convido a coñecelas.