Música para os días de inverno, de Pablo Nogueira

Pablo Nogueira

Música para os días de inverno

Laiovento, Santiago, 118 páxinas, 14,95 €, 2020

Lin hai algún tempo esta entrega narrativa de Pablo Nogueira, estreitamente vinculado con outros ámbitos artísticos como o musical e mesmo, dentro da creación literaria, con algunhas propostas centradas na literatura infantil.

En Música para os días de inverno, coido que a súa primeira novela en lingua galega, ámbito ao que suma o texto gañador do IV Certame Balbino de Relatos, articula un encontro entre dous eixes discursivos onde a música cobra un especial protagonismo.

Paréceme que hai moito nesta obra, se cadra, de historia persoal, non sei se mesmo familiar, e tamén a vontade de recuperar un tempo e unhas historias que beben do tempo da guerra civil e do posterior franquismo: época que quebra de vez as expectativas vitais xa non duns personaxes -individualizados aquí con solvencia como son Alfredo e Balbina- senón de boa parte da sociedade galega esperanzada no que significaba a República. Nun discurso que avanza en capítulos alternos, con poderosas reflexións sobre o que significa a práctica do poder, ambos os dous personaxes van atopar un muro case infranqueable, tanto no que ten que ver co amor á música -e concretamente á música jazz, prohibida e allea aos modelos culturais propugnados no franquismo- como na realidade coa que bateu o emprego da lingua galega como vehículo de comunicación no ámbito docente; alén de incorporar a temática da extracción e comercialización do volframio como un dos elementos de interese no que se refire á contextualización histórica e como parte substantiva do argumento da novela, no que tampouco se prescinde do amor como outro foco de interese.

Resolta con eficiencia e orixinalidade -mágoa, ao meu ver, algúns extremos vinculados cunha puntuación que, en ocasións, resulta un chisco confusa-, ambientada con acerto, documentación e efectividade, creo que anuncia un narrador con alento do que agardo novas, e de certo suxestivas, entregas.