Bo tempo, de Alberto Díaz

Alberto Díaz

Bo tempo

Demo Editorial, A Coruña, 104 páxinas, 20 €, 2020

Recibín onte algunhas das novidades de Demo Editorial. Entre elas, prioricei a lectura deste Bo tempo de Alberto Díaz se cadra polo interese que me suscita Reimundo Patiño, figura sobranceira da arte galega sobre a que se nuclea esta novela gráfica, vertida ao galego por Carmen Barro e Luísa Pita e prologada por Xaquín Marín, que contou asemade coa colaboración da Fundación Luís Seoane.

Bo tempo é unha novela gráfica realmente fascinante e vaia xa a miña recomendación para calquera afeccionado ao xénero mais tamén para as persoas que queiran afondar no que significou Reimundo Patiño para a cultura galega.

O ilustrador Alberto Díaz “Pelorroto” acudiu á súa propia memoria e a outras moitas fontes como foron os familiares do propio Patiño que permitiron a incorporación de boa parte do traballo do pintor neste mesmo libro, e ás evocacións do seu tío León Díaz Ronda que foi, durante moitos anos, grande amigo de Patiño.

Díaz constrúe, así un relato, onde rastrexan os ecos dos seus días madrileños mais tamén establece un diálogo coa súa obra nun intento de comprendela e difundila, e remito para este obxectivo ao capítulo “Os símbolos”: unha verdadeira lección por volta da interpretación da arte creativa de Patiño. Gustoume, ademais, a intención paraliteraria que planea nesta novela gráfica onde o propio autor é, alén da voz narrativa, un personaxe máis que vai confesando a dinámica do proceso de creación da mesma, ao que parece demorado e sen dúbida moi documentado. Técese, así pois, por veces salferido con anécdotas e sempre bebendo da memoria das persoas que compartiron coñecemento e trato con Patiño, unha biografía parcial, si, pero realmente gorentosa onde cada capítulo -desde a visita con Cribeiro ao Pozo Raimundo, pasando pola amizade que mantivo con Xohán Casal, ata o grupo Brais Pinto ou as actividades políticas levadas a cabo no seo da UPG, con sorpresa incluída en forma de galano en cada volume- incorpora elementos que conseguen compor unha idea cabal do que Reimundo Patiño foi. Absolutamente recomendable.