Abril, de Luz Darriba

Luz Darriba

Abril

Belagua, 288 páxinas, 18 €, Vigo, 2020

Sospeito que non é unha casualidade, nin tampouco ningún signo da providencia laica, que esta novela da artista interdisciplinar galego-uruguaia e filla da diáspora galego-asturiana no Río da Prata chamada Luz Darriba, adopte o título de Abril para esta novela como tampouco o resulta esa cuberta na que aboian, sen rostro e con fondo negro, os panos brancos anoados á cabeza: esa icona inconfundible das nais da praza de Maio bonaerense. O termo que bautiza a novela asociámolo, de maneira natural, ao concepto de luz, de novos horizontes, dos comezos e da ledicia. Seica aí poden repousar as claves dunha posible lectura desta proposta porque, malia todo, malia a presenza continua da dor, das esgazaduras, das violencias todas, da ignominia e do peor que a condición humana pode atesourar, non é difícil percibir que sempre hai ocasión para percibir unha fírgoa de esperanza, unha alegría ou o amor do que termar para seguir vivindo.

          É esta unha novela de formación en parte, de introspección e tamén política, que perfila o activismo preciso na lectura para que, nun continuo movemento de translación, nos situemos en xeracións distintas e coñezamos territorios unidos polos fíos da memoria, que se reivindica como un valor insubstituíble, desde a Costa da Morte ata a Arxentina, con personaxes a debaterse sempre nas consecuencias que ten a fuxida e nos efectos que pode ter o regreso.

          Abril, allea a tendencias, sabe a honestidade e verdade. Provén dunha voz magnética que agardo siga transitando o xénero tanto polo que ten que dicir como por como o di, pois aquí adopta un rexistro brillante que non agocha un dos sentidos fundamentais da novela: como o pasado se proxecta sempre no presente e como a semántica das palabras xenocidio e reparación están aínda por incorporar ao día a día da nosa sociedade, ao día a día de todas as sociedades. De aí o valor universal que atesouran estas páxinas.

Etsta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 4 de decembro de 2020.