Medos Romero
Hortensia
Medulia, 39 páxinas, 12,98 €, A Coruña, 2020
Acompañáronme esta tarde os poemas de Medos Romero: unha autora da que desde había algúns anos non coñecía ningún libro novo.
Hortensia, tal é a súa nova achega, evocáme o mellor da súa obra poética, ou cando menos a que eu accedín. É este un libro que posibilita, afortunadamente, volver transitar -cun peso moi forte de narratividade e cun especial coidado expresivo e lingüístico- a través de sete longos poemas- por estes territorios que dalgún xeito son os propios da poesía universal. Hai unha ollada crítica, combativa tamén cando é precisa, dirixida á realidade dun tempo que ignora tanto a relevancia da contorna natural -e non idealizada senón como fonte das raíces e da verdade- como o necesario que é a súa preservación.
Ao tempo, alén de apreixar os espazos da memoria en moitos poemas, de situar a relevancia dos conceptos do respecto, do paso do tempo ou das devanditas raigames, o volume inclúe un poema homónimo ao seu título centrado na evocación da súa figura materna: un poema conmovedor que abraza non só a memoria da nai, senón a memoria das nais todas, das mulleres todas.
Un pracer ler a Medos Romero porque sempre hai nela unha invitación ao recollemento e á reflexión. Grazas por este libro.