En las ciudades / Nas cidades / Hirietan, de Beatriz Chivite

Beatriz Chivite

En las ciudades / Nas cidades / Hirietan

Chan da Pólvora & papelesmínimos, 15 euros, 184 pp., 2020

Un compañeiro de traballo que moito estimo pediume que me achegase a este libro. Así o fixen e non me arrepinto por dúas razóns: descubriume unha voz da poesía en éuscaro máis nova e permíteme tamén saudar un fermoso proxecto editorial que aposta polo plurilingüismo e o achegamento entre diversas culturas mercé ao traballo conxunto entre Chan da Pólvora e papelesmínimos para ofrecer unha rara, por infrecuente, edición tricolor con tradución dos textos da autora ao galego a cargo de Isaac Xubín.

Beatriz Chivite (Iruña, 1991), a autora deste libro, traballou en embaixadas, museos de monicreques e festivais de cinema, alén de vivir na China, Nepal, Indonesia, Hong Kong, Italia, Reino Unido, Taiwan… As cidades e, daquela, as soidades que estas proxectan mais dalgún xeito a experiencia nómade están presentes, en boa medida, nunha obra literaria extensa e composta por volumes como son Pekineko kea, premio Concello de Iruña de Poesía 2012 (Pamiela, 2017); Metro, premio Ernestina de Champourcin 2014 (Arabako Foru Aldundia, 2014); Biennale, premio Blas de Otero 2016 (Erein, 2017) e Mugi / atu (Pamiela, 2019). Asemade, en 2015 recibiu o premio Lauaxeta de poesía nova.

Xustamente este libro amosa unha escolma dos catro libros arriba amentados. Neles Chivite abéirase a unha poesía que, seica, bebe das fontes da experiencia propia e da observación e, ao tempo, semella ficar aberta sempre a múltiples influencias. Cóntase moito mellor e de maneira máis completa nun limiar que esta edición incorpora a cargo de Jon Kortazar e Aiora Sampedro, e traducido por Anxos Sumai, onde realizan un percorrido valorativo pola bibliografía da escritora navarra alén de incluír datos interesantes sobre a poesía en éuscaro actual onde non deixou de sorprenderme o dato de que no ano 2019 foron vinte e tres os libros de poesía publicados.

Particularmente seméllame o máis suxestivo da súa obra a querenza polo haiku, arroupado en xeral por certa liña esencialista que abraza ou incorpora os silencios como parte activa dun discurso contemporáneo marcado pola ubicuidade constante, pola construción de historias mínimas, polo motivo da viaxe e a plasmación tanto do devandito nomadismo como da corporeización da soidade. Parabéns ás editoras por esta iniciativa, tamén a tradutores e responsables do limiar que participaron nesta obra, e, xaora, á autora, desde agora máis coñecida entre nós.