Xosé de Cea
Versos para alén da ponte
Urutau, 72 páxinas, 12 €, Poio, 2020
Son días estes de lecturas, unha pequena paréntese no traballo docente antes da finalización do trimestre. Días operativos para revisar notas de lecturas e achegarme a algún novo título. Entre estes últimos traio aquí unha breve referencia a Versos para alén da ponte, de Xosé de Cea, de quen apreciaramos hai algún tempo o seu libro Vilareda. Nesta ocasión ofrece un conxunto de poemas inspirados, fundamentalmente, na nai do autor, mais tamén presentados como unha reflexión arredor da doenza e a morte.
Non é este un libro pracenteiro nin tampouco esquivo á reflexión. Resulta lóxico e esperable que así sexa. Confesa Xosé de Cea que a súa nai, internada na planta de coidados paliativos do Hospital Lucus Augusti, neses intres en que volvía ser ela, afirmou «Teño medo de cruzar a ponte. Teño medo de cruzar a ponte ». En efecto, traspasar a ponte supón, como é ben sabido, esa transición dun estado a outro e, e tantas ocasións, a propia morte.
Cea acóllese, así pois, ao impacto e á esgazadura que supón o proceso da enfermidade, a propia morte e as súas consecuencias da orfandade -tamén o que queda de un tras a perda da nai- como núcleo temático do seu libro, articulado a través de trinta puídos sonetos, dominados por unha vizosidade lingüística merecente de salientar. Cos seus poemas somos nós os que percorremos as distancias que median entre os metros que nos separan da ponte e o seu final, e aínda máis alá. A constatación da dor, que case se torna tanxible; o proceso imparable e definitivo que nos conduce a asumir de vez a ausencia e á máis absoluta soidade que aquela nos depara, constitúen algúns dos grandes logros deste volume, probablemente unha das grandes reflexións sobre o proceso da perda dun ser querido, pausada e intensa, entre as que lin nos últimos tempos.