Flores de ferro, de María Rei Vilas

María Rei Vilas

Flores de ferro

Galaxia, 432 páxinas, 23 €, Vigo, 2020

Ofrece unha máis que solvente novela María Rei Vilas na súa estrea como narradora. Flores de ferro, galardoada co Premio García Barros 2020. Esta é unha proposta que se erixe na converxencia dun universo literario marcado polas tensións suscitadas nun ámbito familiar e colectivo onde o pasado vai ir proxectando luz nos claroescuros do presente e, por outro lado, na adaptación deste motivo a unha estrutura acaída que permite a aparición dun fluxo narrativo con ritmo e crecente interese, de mans dadas cun equilibrado xogo con tres puntos de vista diferentes.

Rei Vilas ten, ao mesmo tempo, a vontade de converter as figuras das mulleres da súa historia, das súas historias, nos elementos fulcrais das mesmas. Velaí o caso de Camila, que vive no seo dunha mentira, alimentada por moitos segredos silenciados con teimosía ata que se decata, por volta dos anos oitenta do pasado século, de que non todo é como llo relataron, ademais das figuras de Helia, Aurora, Nidia ou Olga -esas “flores de ferro”- conformando un grupo de personaxes absolutamente individualizadas e verosímiles que terman, cada unha á súa maneira, dun universo en que queren, de vez, axotar os medos e reivindicar un espazo propio e, dalgún xeito, a chegada dunha xustiza que tardou de máis.

Paira nestas páxinas unha reflexión sobre o exercicio da violencia e do poder; tamén sobre o poder que encerran os silencios e as mentiras en tempos de represión e anos despois. Non se esquece, mesmo, tirar rédito literario a asuntos como son as consecuencias das traizóns ou a forza da sororidade, para en ocasións reparar tanto nesa liña tan feble que estrema a vida e a morte como na relevancia que se outorga á transmisión da memoria. Un debut francamente espléndido o desta nova voz.