Pangalaica. Recortes poderosos, de Xurxo Souto

Xurxo Souto

Pangalaica. Recortes poderosos

Galaxia, Vigo, 96 páxinas, 20 €, 2020

Ao longo de seis meses, Xurxo Souto fixo que a pandemia fose, dalgún xeito, máis levadeira. Día a día foi publicando no diario Nós unha columna que, baixo o título de “Haberá primavera!”, inxectaba doses do optimismo sempre necesario a través de pequenas e suxestivas crónicas que, agora, se recollen nunha antoloxía e se acompañan dun feixe de imaxes, fermosas e expresivas, vinculadas con cada un dos contidos constituíndo unha edición moi atractiva.

As crónicas, reflexións ou relampos narrativos de Souto son, ao tempo, un exercicio de memoria traendo para o presente experiencias, situacións e, sobre todo, persoas que tratou ou coñeceu ao longo dos últimos trinta anos: “historias (e persoas) marabillosas que me regalou o camiño”, sinala. Explica no limiar a inspiración destes textos cando apunta que a vontade que o guiou era a de “reivindicar as nosas capacidades” e que o camiño para “construír o futuro está no noso propio talento”. Moito hai disto nestes artigos, neste libro, e tamén desa filosofía que agarima e estende desde hai tantos anos cifrada na superación de vellas e caducas ideas que nos enfrontan e afastan.

Hai, afortunadamente, moito humor neste libro. Tamén música, claro é, tanta que este libro case se converte na banda sonora dunha vida: desde Os Lirios de Campañó ata Sindo de Olelas ou os mesmísimos Diplomáticos de Monte Alto. Non se esquece recrear historias, con emoción a ferrados, cando se detén no relato de historias contadas con sinxeleza e rotundidade como as que protagonizan Luísa Villalta, Pucho Boedo, Elvira Bao, Alexandre de Fisterra ou Staffan Mörling, nin tampouco obvia rescatar a presenza de territorios costeiros e marítimos, tamén do interior, que forman parte dun adn irrenunciable reivindicado aquí con xustiza.

Prestáronme estas propostas creativas, por xunto, do meu prezado Xurxo Souto. Saúde e oceáno, compañeiro.