Un señor elegante, de Suso de Toro

Suso de Toro

Un señor elegante

Xerais, Vigo, 544 páxinas, 23,90 €, 2020

Entusiasmoume Un señor elegante, a última novela de Suso de Toro. As razóns son variadas e talvez nin sequera caiban nunha recensión ao uso pois teño para min que é esta unha das grandes novelas do autor compostelán na súa dilatada traxectoria creativa.

Abéirase aquí, así pois, á denominada non ficción para construír un fresco pasmoso por intenso doutra historia do noso pasado -esa parte disidente da memoria antifranquista que nos chegou de maneira moi bretemosa ou, digámolo claramente, que non nos chegou- a través tamén da reconstrución de tres xeracións da familia Baltar.

O desafío ao que se enfrontou o autor tiña -non é difícil conxecturalo- unhas dimensións realmente oceánicas pois afondar no deseño das vidas dos compoñentes dunha xinea familiar e contárnolo non é tarefa doada, menos aínda cando falamos de persoas que entran e saen, con naturalidade, nalgúns dos principais acontecementos históricos e culturais do noso pasado e cando ademais se abre “un faiado da familia fechado con chave”. E malia esa vontade de aplicar unha visión global é a figura do cirurxián Ramón Baltar -“ese disidente que molesta”- a que se apropia aos poucos das case seiscentas páxinas, onde non teñen menor importancia o seu pai, Ángel Baltar, ou o seu irmán, Antonio Baltar. Alén diso, esta proposta acolle outro reto como é o de contar, tamén, o proceso de construción do propio texto: as buscas, as investigacións, os diálogos que se mantiveron, os documentos atopados…, baixo o maxistral recurso a unha voz narrativa que, en segunda persoa, se dirixe á instancia do propio autor, e que nos amosa as dinámicas que xera a construción da novela: ese territorio onde todo se cuestiona, mesmo a natureza do traballo, e onde funcionan con exemplar operatividade unha sorte de epifanías que sobreveñen cando se escribe un libro, suxerindo por outro lado un elo fantástico que dialoga coa súa recente obra Dentro da literatura: libro que non cansamos de recomendar como fundamental para entender a escrita do autor e as súas ideas literarias.

Gustoume, asemade, esa ollada que describe as fotografías e o que estas amosan como a do funeral de Castelao en Rianxo; esa ollada na que repara en quen quedan, precisamente, “fóra de marco” e que polo xeral son as mulleres de toda a familia. Como esquecer, asemade, o desenvolvemento da tan descoñecida “Operación Termóphilas” destinada a atentar contra Franco ou a caída en 1947 da Unión de Intelectuais Libres (UIL), a concepción da práctica da medicina e da cirurxía onde aínda latexa un espírito solidario como se constata na axuda prestada, no sanatorio Baltar, aos combatentes da guerrilla.

Falaba arriba de epifanías. Calquera lector ha ter as súas na lectura deste libro onde todo parece que se une como unha espiral infinita: entre outras, para min, radicou no reencontro coa escrita epistolar de Carmen Muñoz, a quen coñecín fugazmente na Coruña nos anos noventa. Suso de Toro, en fin, “cava no pasado” e “levanta fantasmas”, faino coa pericia do mestre e ofrece un resultado memorable. Novela absolutamente recomendable e cativadora.